jueves, 25 de julio de 2024

NA BUSCA DE EUFRASIO


Ando ás présas polas carreiras de Vazcovaz buscando a Eufrasio, o fillo da Subela, que desapareceu da casa hai xa unhas horas. Unhas horas non é nada, pero como o rapaz non regula ben, de aí as présas. As miñas e as de máis veciños que andan na súa procura. Como a historia a conto eu, que vou dicir dos demais? Nada.


Ó mesmo tempo que miro por entre as toxeiras e detrás dos carballos, chamo por el, berro por el. Por veces mesmo o chamo polo seu alcume: O Seboso. Non fai falta que explique tal nome. Dicir, iso si, que só lle chamo así cando sei que non me oen os seus pais, principalmente súa nai, que é de armas tomar. Tamén o alias dela o di todo: ten unha lingua e un carácter que furga coma unha subela.

O Seboso sempre conta que se vai escapar, que se vai marchar, pero despois nunca se acorda do que dixo e non sae para nada da casa, máis en concreto da corte, onde ten unha vaca, a Garbosa, que mesmo dorme á súa beira. Téñense moito cariño. A vaca só lle fai caso a el.

O rapaz non regula ben pero sabe de memoria todas as cancións de Sabina e asubía mellor que os chifres de Morricone nunha do Oeste. Eu, cando cheguei ás Costelas, intentei imitar a música de “Dúas mulas e unha muller” para provocalo un pouco e a ver se me contestaba. Nada.

Cando cansei, marchei para a casa e axiña me dixeron que Eufrasio estivera todo o tempo sentado na testa, entre os cornos da Garbosa. A ninguén se lle ocorrera mirar aí. Tamén ó momento xa escoitei como imitaba a harmónica de “Ata que chegou a súa hora”. Este Eufrasio...


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 22 de xullo de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario