miércoles, 31 de julio de 2024

CANDO A CLIMATOLOXÍA NOS SOBREPASA


Alustrou, tronou, choveu, ceo negro, saíu o sol, ceo azul, acochou a estrela amarela, ceo gris, volveu saír o sol, novamente ceo azul... Este baile quita todas as ganas de moverse e a nugalla faise dona e señora da existencia. Como as pingas de suor que brotan, bañan e escorregan pola pel. A roupa pégase. O bochorno molesta. E os comentarios saen a flote en calquera conversación.

Sempre é o mesmo. Só lembramos o momento. Esquecemos que as conversacións climatolóxicas son sempre as mesmas e en todos os anos, en todas as etapas. Que bochorno. Que calor. Que forma de chover. Nunca nevou tanto. Nunca me asustaron tanto os tronos. Así sempre: cada vez que hai unha actividade atmosférica moi forte, ou unha actividade adversa, desas que non cadran no tempo. Ou se cadran, pois o dito: moita calor, moita auga, moito frío...


Os refráns ou ditos ou sentenzas son para algo. Sempre nos acordamos de santa Bárbara cando trona. Ou sexa, que lembramos o tempo climatolóxico cando nos sobrepasa, ou cando pensamos que nos sobrepasa. Se hai 40 graos asustámonos e axiña berramos que nunca tal se vira. Ó mellor, o ano pasado, por estas datas ou en datas achegadas houbo 41 ou 42. Destes xa non nos acordamos. Vivimos tan só o momento.

Por veces, chegamos incluso a formar guerras dialécticas sobre eses momentos que pensamos que son únicos. Menos mal que hoxe en día xa podemos botan man das estatísticas. Se non fose por estas, a tronada, a saragana, a nevada, a seca, a xeada... serían sempre as máis grandes desde que alguén as recorda. Por certo, hai un bochorno que nunca tal se viu.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 30 de xullo de 2024

2 comentarios:

  1. Tês razón.Pero este ano eu teño un ano mais, son mais vella e a miña sensibilidade é mais acusada. Certamente sufrin de calor estes días mais ca nunca.😊

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Fixo moita calor. Pero tamén a fixo o ano pasado, e o anterior, e seguirá a facela. E, si, coa idade, levarémola peor, pero... é o que hai.

      Eliminar