domingo, 21 de julio de 2024

O DÍA QUE BAIXEI PARA O PARQUE DAS MESTRAS


O día que baixei para o parque das Mestras era domingo. Para o das Mestras e para o da Ansuíña; tan só os separa o río Sor. A verdade é que só podía baixar ós domingos ou festas de gardar. E non todos os domingos nin todas sa festas de gardar. Só aqueles nos que o pai se compadecía de min e botaba el as vacas para o monte. De rapaz era practicamente obrigatorio tal acción por mandato da nai. Esta, como non se andaba con lerias, botaba man da ladaíña dos cabreos: primeiro unhas labazadas e, por se era pouco, o castigo; que consistía en ou ir ó muíño de noite pecha ou ben, tamén de noite pecha, me mandaba a tornar a auga ós lameiros. Para que me cagase de medo. O máis habitual era o de amolarme as tardes dos domingos. Só usaba tres palabras: bota as vacas!


De mozo ou adolescente, o de ir ós domingos para o monte, moitos deles, xa saían de min. Ante unhas cantas novelas do Oeste ou un par de libros, non pensaba para nada nos parques da Ansuíña e das Mestras. Toda unha tarde lendo en solitario era gloria bendita. Incluso despois de vender as vacas, collía o libro e percorría a estrada dos Milagres lendo... todos os días da semana.

O día que baixei para o parque das Mestras era domingo. Poucos o fixen. A verdade era que, de rapaz, o non ir xiringaba bastante. Non só polo detalle de ir coas vacas para o monte de Pinouzos, senón ver que, nas piscinas, nos campos de tenis, na Ansuíña ou nas Mestras quedaban os amigos xogando, gozando da tarde dominical. Iso doía. Interiormente clamaba ó ceo e botaba pestes contra miña nai. Porén, cando me afacía á idea, e entre os libros ou as novelas e o can Uriarte, levaba mellor a miña soidade dominical.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 17 de xullo de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario