sábado, 27 de julio de 2024

EMOCIÓNS OLÍMPICAS


O fútbol, en particular, e o deporte, en xeral. O fútbol, a Eurocopa deixounos un moi bo sabor de boca e, agora, os Xogos Olímpicos esperemos que fagan o mesmo. Non comparándonos ás grandes potencias, pero a ver se é verdade que pasamos desas 22 medallas de Barcelona’92. En principio, no momento de escribir isto (sábado pola noitiña), ou o que é o mesmo, no primeiro día de competición, xa acadamos unha de bronce en judo e acabo de ver como a parella formada por Alcaraz e Nadal acaban de lle ganar á parella arxentina na modalidade tenística. Os nosos, por suposto, aínda acaban de empezar, pero como parten coma uns dos grandes favoritos... a contar con eles!.


Sobre a inauguración dos Xogos están a catalogala como espectacular, como a mellor de todos os tempos, e, para máis aquel, realizada toda en exteriores e tendo, iso si, o gran problema da chuvia. Nin esta foi quen de minguar tal espectacularidade. Porén, eu poríalle un pero ó propio desfile das nacións. Si, moi bonito polo río, pero coma en todos os desfiles olímpicos (aínda que sexan en grandes estadios), faise longo, moi monótono e bastante aburrido. Ademais, ó ser tantas nacións, a realización non se para en ensinar gran cousa. E o espectador o que quere é ver ás grandes estrelas, ós grandes deportistas. Se por min fora, e tal como se desenvolve, tan só desfilarían os abandeirados.

Formulado ou considerado o aspecto deportivo, quédame o máis importante: o emotivo. Non tardei en caer na conta de que non vallo para estes grandes eventos, de que se me fan grandes, emocionalmente falando. Na propia inauguración, só ver o facho olímpico xa me subiu tal emoción que os ollos non tardaron en poñerse algo así coma acuosos, augacentos. E cando o colleron os nenos. E non digo nada xa cando Zidane llo pasou a Nadal. E cando llo ofreceron ó olímpico máis antigo francés, que estaba nunha cadeira de rodas. E cando Nadal navegou con tres deuses olímpicos: Carl Lewis, Serena Williams e Nadia Comaneci. E cando vexa imaxes da maratón, principalmente na forma en que chegan algúns. O peor para os meus ollos aínda está por chegar; cando os deportistas españois (individuais ou en equipo) acaden medallas e suban ós podios a recibilas. Os detalles, os xestos, as alegrías deportivas sempre me emocionaron moito. Moito.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 27 de xullo de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario