jueves, 11 de julio de 2024

ESPERANDO ENFRONTE


Esperando enfronte. Baixo o ruído dos coches que pasan. Ruído producido polo asfalto mollado. En pleno verán, choveu. Agora mesmo non chove, pero pode chover. Ceo gris, moi gris. Café á beira. Teño tempo para pensar que o tempo pasa, aínda que, agora mesmo, cunha lentitude que manca, que doe. Porque as esperas, xa se sabe...

Vexo as gallas das árbores que se moven a causa do aire. Suave, suavemente. O que dixen: estamos en pleno verán. E aínda que chova, non vai frío. Vexo paraugas abertos, o que significa que algo debe chover. Pouquiña cousa porque nin eu mesmo vexo, desde a distancia, que chova. Estou na terraza dunha cafetaría. É dicir, que caerán raras pingas de auga sobre o asfalto, sobre os coches, sobre a xente, sobre os paraugas. Tan só vin dous abertos. As demais persoas van ó descuberto.


Algo de barullo en algúns clientes. A maiores de que, xa en por si, somos propensos a falar alto, sempre hai algún ou algúns que alzan aínda máis a voz coa intención de facerse o gracioso. Ou de chamar a atención. Gústanos coller protagonismo en todo. Os egos póñennos tesas as cristas de galos. Ou aquilo de... a ver quen a ten máis grande.

Hai un cacho pasou un home cunha gran moto e unha bandeira de España aínda máis grande. Andamos nas semifinais da Eurocopa e España, nestas, aínda está aí. Ó mellor só está precisamente hoxe, pero está. Mañá estará ou non estará. Por unha vez non vaticino nada. Por esta vez só desexo que mañá siga na Eurocopa. Como Francia tamén ten equipo, non vaticino. Que sexa o que Deus queira. Ou os xogadores. Ou o árbitro.

Empeza a chover outra vez.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Martes, 9 de xullo de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario