viernes, 26 de julio de 2024

HEROE DE NOVELAS BARATAS


Aire africano. Calor de inferno. Sol que cae de cheo. Trinta e nove graos sobre a conciencia dun mosquito. Síntome mosquito nesta canícula infernal. De que cor é a fervura dun pensamento e tan só unha sílaba dun verso? De que están feitas as margaritas que se expoñen na barra dun bar? Canta velocidade alcanza un caracol ó sacar os seus cornos ó sol? Hoxe nin tan sequera será capaz de os sacar.

Sol que cae de cheo. Calor de inferno. Por culpa do aire africano. Ela, a muller, pon postura para a foto e deixa que os barcos se vexan tras súa. El, o fotógrafo, enfócaa e, con parsimonia, con profesionalidade, sácaa guapa, bonita. Ás veces chega un clic para inmortalizar todo un acontecemento. Ás veces chega un medio sorriso para deter o tempo. Por detrás, o mar está en calma.


Calor de inferno. Por culpa do aire africano. Por mor do sol que cae de cheo. Hai que ser heroes para saír á rúa con estes baremos climatolóxicos. Pero que todo sexa por un café, por un relato, por un tempo criminal ó que lle hai que botar peito. Que pensarán as follas das árbores cando non se bambean? E os canlóns, as calexas dos tellados cando hai seca? Que pensará a varanda na que se apoia ela, a muller?

Non queda outra que andar pola sombra para evitar esta tarde, máis que ardente, abrasadora; máis que tórrida, abafante; máis que sufocante, crítica; máis que asfixiante, esperpéntica. Esperpéntica por saír en plena canícula, en pleno inferno atmosférico ou climatolóxico. Pero... para que están os heroes das novelas baratas?


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 23 de xullo de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario