lunes, 15 de julio de 2024

NO SOFÁ DOS TEMPOS


Nin fútbol nin bandeiras. Nin loitas nin xenreiras. A vida baila sobre a ilusión dun soño e sobre a ansia dun tempo que foi. A vida é coma o ruxerruxe da ignorancia. Nin berros nin carreiras. Nin eventos nin ideas. Todo ten que saír ó natural, coa forza do desexo, coa docilidade dun pensamento.

Que cada alustro sexa unha sinal e que a preguiza empreñe no sofá dos tempos. Cando hai galbana ou vagancia non queda outra que deixarse levar pola somnolencia do devezo. Ó pouco, saloucos na noite e suspiros por entre as cantigas dos recordos, daqueles recordos nos que unha flor era amarela e un berro era unha separación do silencio.


Nin fútbol nin bandeiras. Nin treboadas nin poemas. A vida é como a Santa Compaña que enfila, en ringleira, o camiño do que pode haber máis alá do silencio. A vida é o impo que brota, que abrolla cando a dúbida non sabe se saír ou quedar dese recanto da memoria que acumula momentos, instantes, realidades e tempo.

Que en cada lusco fusco asomen os berros do que puido ser e non foi. Berros pola estrutura dese soño que non houbo maneira de convertelo en realidade e pola circunferencia desa fantasía que sucou os mares a bordo da Perla Negra. Berros que estralan por entre as toxeiras verdes da esperanza e as follas secas das mazairas.

Nin fútbol nin bandeiras. Nin soños. Nin tempo. Nin luz. Nin escuridade. Nin desidia. Nin silencio. Nin carreiras. Nin augas mansas. Nin guerras. Nin fronteiras. Nin baleiro. Nin carraxes. A vida é un ir e vir... sen descanso, sen sosego, sen acougo, sen repouso.


Café O Falangueiro. O Vinteún (Ourense). Xoves, 11 de xullo de 2024

2 comentarios:

  1. Rosario Carmen Costas Núñez17 de julio de 2024, 13:25

    MARABILLOSA reflexión expresada de xeito magistral.
    GRAZAS por compartila

    ResponderEliminar