martes, 30 de julio de 2024

LICENZA PARA SOÑAR


Pedín licenza para soñar. Concedéronma. Así é que soñei que o ceo era azul e que logo do lóstrego, do alustro, da chispa chega o trono. Soñei que soñar esperto é bonito. E que un piollo facía unha viaxe en tren deica o Polo Norte. Soñei que cando un fala, onde hai moito silencio, molesta, xiringa, amola. Tamén soñei co “home lobo en París” de La Unión e cos óboes de Morricone de “A misión”.

Concedida a licenza, a autorización, o permiso de soñar, seguín soñando co bambán dun berro cando sae seco e con forza e co can-can dunha bailarina cunha tatuaxe no peito esquerdo. Na realidade, ó mellor era no dereito. Soñei que soñaba un soño doce e agradable, limpo e claro, silandeiro e romántico. Soñei unha batería de preguntas que se quedaron sen resposta. Porque no silencio estaba o baleiro, ou no baleiro había tan só silencio. Máis ou menos é igual.


Soñar mentres un está sentado, ou na cama, ou no sofá, ou no lombo dun cabalo é coma soñar un desexo real que se cumpre, aínda que a propia realidade se poña costa arriba. Soñei catro pingas de orballo sobre un papel cuadriculado e dous retrousos dunha canción que se me pegaron desde a mañá cedo. Ás veces un esperta como esperta e anda practicamente somnámbulo todo o día. As cousas, ás veces, en vez de clarexar, escurecen.

Pedín licenza para soñar. E levo un bo cacho soñando. Cos tronos de son de fondo, co decorado das luces dos relampos e coas pingas de auga que caen sobre o asfalto. Soñei que soñaba desde o pretérito perfecto ata o imperfecto. Soño que a realidade está no presente.


Coffee Sueño Despierto. Ourense. Luns, 29 de xullo de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario