domingo, 28 de julio de 2024

O PETER PAN DOS SOÑOS


É pouquiña cousa. Tan pouquiña que ninguén o ve.. É o Peter Pan dos soños, a realidade dos soños. Adoita acochar dentro dos armarios e actuar segundo lle conveña. Aínda que non é necesario que se esconda (pouquiña cousa que ninguén ve), el sempre di que vale máis previr que curar. Axexa polas físgoas, polas rañuras das pechaduras.

Agora mesmo está na gloria. Ve unhas pernas núas estomballadas nun sofá. Non tarda en actuar. Sae do armario pola cerradura e, aínda que lle leva unha eternidade chegar ó seu destino, chega. Chega sufocante, pero chega. Chega ansioso, pero chega. Chega feliz porque chega.


É tan pouquiña cousa que a muller nin o ve nin o sente. El, o Peter Pan, non obstante, toma as súas precaucións. Sobe, moi amodiño, pola perna dereita. Á altura do xeonllo xa vai contento. A partir do xeonllo, coxa arriba, xa se emociona. É pouquiña cousa, pero non é parvo. Sabe que hai máis percorrido.

Porén, espera un bo cacho antes de seguir camiño. Sabe que ela non o ve, pero tamén sabe que a emoción pode traizoalo: un latexo máis forte do normal, un esbirro que pode soltar, unha pinga de suor que pode caer. El si nota xa as pingas sobre a súa “invisible” cara. Pingas que caen, porque o resto do camiño o pode levar ata o País de Nunca Xamais. A emoción aumenta, os latexos mesmo mancan e o desexo baila sobre o soño que soña.

O Peter Pan dos soños é pouquiña cousa. E como tal, non lle queda outra que vivir nunha realidade imaxinada e tras a invisibilidade dunha ilusión que pode ser ou non ser, que pode existir ou non. El confía en que o soño sexa o que é e que o pesadelo, se o hai, sexa efémero. Logo de toda a éxtase, acocha de novo dentro dos armarios.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 26 de xullo de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario