jueves, 18 de julio de 2024

SABÍA DA NOVELA


El é pastor de ovellas. Ela é costureira por entregas. Ou por encargos. Os dous viven na aldea. El chámase Luis Doforno Sarreaus, aínda que todos lle chaman O Salgueiro. Súa nai seica o pariu á sombra dun salgueiro. Ela chámase Luisa Carrión Palleiro, aínda que os veciños lle din A Filla da Coella. A nai dela paría a esgalla. Luisa era a sétima de quince irmáns.

El non durmía a sesta porque marchaba para colocarse baixo o balcón dela. Ela, logo de coser un pouco, saía ó balcón para cantar con voz queda, suave e sabendo que, debaixo, estaba toda unha vida de novela. El, ó oíla, deixaba asomar un sorriso e facía que os pés seguisen o ritmo do cantaruxo dela. Ela presentía, ventaba moi ben que facía o seu veciño e... amigo.


El, no monte, berraba subido a todos os outeiros e castiñeiros. Eran berros de ansia, berros de desexo, berros preñados de sensacións, berros fortes e eternos. Ela, na casa, calceta a calceta, seguía cantando moreas de poemas. Tanto el coma ela intuían e vivían os seus momentos.

O Salgueiro soñaba con que un día bailaría coa Filla da Coella sobre unha nube branca de algodón e baixo o ritmo desenfreado dos latexos dos seus corazóns. A Filla da Coella fantasiaba con tecer un vestido... branco, para amosarllo toda contenta ó seu amigo Salgueiro.

El marchou para a casa coas ovellas. Ela sentou ante un nobelo e desfíxoo para coser con parsimonia todos os sentimentos; os dela e os del. Porque ela sabía de que ía a novela.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 15 de xullo de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario