martes, 23 de julio de 2024

O ECO DO PRIMEIRO BERRO


Bailo ó estilo Travolta e deixo que algunha fantasía se espalle polo universo sen fin. Cando canso, acougo no chanzo dun soño e agardo a que o tempo pase devagariño. Contemplo a bolboreta que pousa na flor do toxo e rezo para que catro pingas de auga me orballen a alma. Estou seco de ideas.

Porén, todo marcha sobre o acordado, é dicir, facer de min un pasmón e presumir de observar os biosbardos. Cando nada apetece, o mellor é quedar quieto e deixar que o tempo dite sentenza, ou o que é o mesmo, deixar que o tempo pase. Como nunha película de Matrix.

Sigo intensamente o voo dunha pomba e, cando a perdo de vista, son eu o que me desprazo imitando a Supermán e deixándome ir ata os planetas de máis alá. Sempre haberá ilusións nas que leve as de ganar e sempre haberá fantasías coas que serei o rei de todos os días.


Asubío, agora, unha mestura de temas de Morricone e véxome nun cabalo negro cabalgando polo afastado Oeste. Co rifle ó ombreiro. Co devezo superando o medo. Cun berro rachando o silencio. Confío en que non haxa demasiados pistoleiros.

Son o que me acubillo entre as sabas brancas dos desexos e o que rima un verso tras outro verso ata contemplar o soneto. Canto melodías doutros tempos. Son o que acariña as noites con palabras soltas, que van dun mundo que foi a outro que está por chegar, por vir. O presente queda mudo, en silencio, para que os biosbardos non collan medo. Son o pasmón que, na realidade, nin baila, nin canta, nin ri, nin chora, nin asubía, nin sente a derrota, aínda que a preguiza queira ser súa dona. Son o eco do primeiro berro.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Domingo, 21 de xullo de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario