viernes, 12 de julio de 2024

O PÉ DUN CANASTRO


Son o pé dun canastro que caeu. Ou que tiraron, xa non lembro ben, porque xa hai anos que estou completamente espido. Estou en plena Aira de Arriba de Baños de Molgas. Son testemuña de moitas historias. E de tempos pasados.

De cando as medas de centeo me arrodeaban por completo. De cando había que preparar ese chan no que se colocaban tales medas, a base de bostas de vacas e do esmagamento daquelas cos pés descalzos dos veciños. Momentos de troula e ledicia. Logo da malla, alí mesmo, quedaban os palleiros de palla mesturados cos da herba seca.


Son testemuña de diversos xogos infantís, precisamente por entre os palleiros e cabaceiros, cando todos estabamos de pé e sendo útiles para a causa. A causa do gandeiro, do labrego. Metían cestos ou sacos de millo ata o mesmo teito. Para que secase. Para que se puidese levar, máis tarde, ó muíño a facer fariña. Algúns canastros, baleiros xa do produto, usábanse tamén para gardar aparellos de labranza.

Como o tempo pasa e todo cambia, o abandono do rural repercutiu, como non, nos propios canastros, na propia aira. Sen produtos, os cabaceiros deixaron de usarse. Sen centeo, as medas e mallas desapareceron. Sen gando, os palleiros de herba desapareceron. Sen uso, a madeira dos canastros podreceu e, pouco a pouco, torceron de tal maneira que remataron bicando o chan.

Agora estou aquí, espido e esperando as vacacións dos nenos para ver como gozan correndo detrás do fantasma. Todos os veráns hai fantasmas na “Placita” que, a partir das nove da noite (máis ou menos) arman a súa guerra particular cos nenos. Algúns, de cando en vez, escóndense detrás de min. Eu quedo feliz. Son o pé dun canastro que caeu.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Martes, 9 de xullo de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario