sábado, 13 de julio de 2024

DESCARRILAMENTO POLÍTICO


Seguen as mortes infantís nas guerras e seguen as guerras políticas e extremistas no noso país, aínda que, iso si, por agora, sen mortes. A guerra entre o PP e Vox, pola negativa do partido de Santiago Abascal ó reparto de nenos e nenas migrantes que chegaron a Canarias e Ceuta sen titores que os acompañaran, xa se recruou de tal maneira que Vox acaba de romper co partido de Núñez Feijóo en cinco comunidades autónomas.

Ante esa ruptura, o noso presidente Alfonso Rueda non tardou en declarar que “canto menos se goberne con extremismos, mellor”. Ben dito, carallo, e ben feito! Pero e dis ti e digo eu: por que pactaron entón? Desde que Vox se iniciou como partido, aquel que tivese dous dedos de fronte vía ben o que era, o que significaba, como actuaría. Porén, polo poder, algúns, ata son capaces de venderlle a alma ó diaño. Agora, polo baixiño, recoñecerán o seu erro, pero... Pero non tardarán en volver pactar con eles cando vexan que os necesiten de verdade.


O mesmo que fixo Rueda, tamén o declarou o gran mestre Núñez Feijóo, que di que Vox descarrilou. Hai que saber a que tren se sobe, señor Feijóo. Que non todos os trens son iguais e nos levan ó mesmo lugar. Hai trens que van dereitiños a onde moi poucos queren que vaian. E se vostede e os seus se declararon sempre tan listos, como é que non souberon coller o expreso? Que máis ben descarrilastes os dous...

Que tristura de vida; ter que falar deses dous partidos, precisamente deses dous, cando, ó mellor, hoxe somos campións de Europa, futbolisticamente falando (escribo isto en sábado). É certo que a miña intención era falar deste evento deportivo, pero sentinme retraído polo detalle ese da final entre España e Inglaterra. Falar un sábado dunha final que se xogaría ó día seguinte, non procedía. Tería que escribir a base de hipóteses que acontecerían ou non. Mellor deixalo para a semana que vén, que xa saberei quen foi campión e tamén completarei todos os partidos que comentou Juan Carlos Rivero. O deste periodista tamén ten o seu aquel, algo que xa comentei dúas semanas atrás sobre os seus erros... tan grandes ou máis aínda que os do PP pactando con Vox. Rectifico un pouco: estes dous que pacten tampouco é para sorprenderse moito. Sabedes aquilo de “dá a cotra co pano”, ou “xente busca xente”, ou “xente dá con xente”, é dicir, “Deus críaos e eles xúntanse”? Pois iso.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 13 de xullo de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario