miércoles, 17 de julio de 2024

DEIXANDO CAER UNHAS LETRAS


Queda baixo a tutela dos entendidos, dos especialistas. Saio. Collo pola beirarrúa esquerda; é por onde hai máis sombra. O ceo está cheo de nubes, practicamente gris, pero de cando en vez asoma o sol e, ás tres da tarde..., non estamos no inverno. Un coche aparcado no medio dun paso de peóns e varios máis esperando ante un semáforo alá ó fondo. Busco un café para facer máis entretida, máis suave, máis curta a espera. Tamén para deixar caer unhas letras. Estas.


Unha moza empurra o carro dun bebé e, á beira, outro neno andando. Perdón, nena. Desde a distancia véxolle unhas trenzas laterais. Enfronte, unha farmacia pechada, unha pastelaría pechada e unha parella de mulleres que baixa pola rúa.

Agora, en vez de observar, penso. Penso no forte cheiro de loureiro e nos ourizos dun castiñeiro. O outro día, limpando unha desas fincas que obrigan a limpar, farteime de cortar loureiros e o seu forte olor case me marea. O ulido do loureiro, coma o das mimosas ou acacias, é agradable ata que non é en moita cantidade. En moita cantidade, bota para atrás.

Sigo pensando en bolsos que alguén tece e na utilidade das mareas, en golpes que se levan nas pernas e no piar dunha lavandeira, en reloxos que deixan atrás as horas perdidas e en cancións que contan historias baixo a inspiración da lúa vella, en flores de adorno que colgan de gallas secas e en libros que serven de cabeceira. Aqueles que están ás beiras das camas e que marcan, sinalan a autoestrada cara ós soños dos seus donos. Acurtada, reducida a espera, marcho.


Coffee Sueño Despierto. Ourense. Luns, 15 de xullo de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario