martes, 28 de agosto de 2012

NA CAMA DO RUÍDO



              Corre o aire. Soa a música. Bambéanse as toallas. E as nubes que pasan. Bailan as follas. Pedalea o neno. A agulla do reloxo chouta de segundo en segundo. E a auga do río que corre. A moto está aparcada. O cinseiro está baleiro. O xornal sobre unha mesa calquera. E un cantante de fala inglesa cantando. Bañistas que se contan cos dedos das mans. Mala tarde para bañarse. O neno da bicicleta que chama pola súa irmá. E os dedos da man esquerda que rañan no pescozo do que subscribe. Corre o aire. Queren chorar as nubes. Asubía o xílgaro. E o silencio que se deita na cama do ruído. Canto ruído no descanso do silencio! Gravo na memoria o carballo da Portela que ten a folla revirada. Deixo que pase o estorniño. E o punto final detén o bolígrafo.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Luns, 27 de agosto de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario