sábado, 11 de agosto de 2012

VIXILANCIA NOCTURNA



              Tan axiña como lin a nova de que traballadoras de varias confrarías vixiaban polas noites os bancos marisqueiros para rexeitar aos furtivos e que a patroa maior de Rinlo, en Ribadeo, declaraba que “ás veces claro que temos medo, porque non sabemos quen nos pode saír”, non saben cómo reaccionará o que se vexa sorprendido. Digo que tan axiña como lin iso, véuseme á cabeza unha noite de verán na que miña nai e máis eu estabamos acochados dentro dun canastro da aira de Arriba de Baños de Molgas vixiando o palleiro de herba que tiñamos alí. Porque hai moitos anos a alguén se lle dera por poñerlle lume aos palleiros que había polas airas da vila. Empezaran precisamente nun noso, nun de palla, na aira do Trono. Aquel ano, nuns poucos días, creo que queimaran sete ou máis. Que facemos aquí?, espeteille a miña nai. Se vemos a alguén poñer lume, berrámoslle e qué? Como reaccionará o tío ao verse sorprendido? E se leva unha arma, aínda que sexa un coitelo, por exemplo? Logo deses razoamentos, optamos por largar de alí e non vixiamos máis noites. Entendo o medo de Celia Pacio, a patroa maior de Rinlo.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Venres, 10 de agosto de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario