domingo, 12 de mayo de 2013

HEROÍSMOS DE PAPEL



              Penso coller unha nube negra e levala pola carreira da Lama para que deixe caer unhas pingas de auga na Pedradarca. Algunhas verzas agradecerán o xesto e compensaranme cuns feixes que viaxarán nas angarellas que levará o burro do Manolo da Lola da Amparo. Hai nomes que non precisan apelidos. Penso durmir por enriba dun feixe de herba e á beira do can Uriarte. Este, faltaría máis, lamberá a miña man e un servidor, por suposto, acariñará a súa cara. Hai cariños que non morren nunca. Penso berrar forte desde os penedos de Barricobos para que o lobo saiba que non lle teño medo. Aínda que tales berros son, precisamente, para espantar o medo. Hai anoiteceres escuros e heroísmos de papel que rachan cunha simple pinga de orballo. Chamo polo Uriarte e non deixo que se separe de min desde a Porfía ata a Pitediña.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Martes, 7 de maio de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario