martes, 21 de mayo de 2013

PALABRAS FÓRA DE CONTEXTO



              Candela Luz Asubía ten que darlle ao volante de súpeto porque a rúa pola que quere circular está cortada. Dos seus beizos saen palabras que axiña se sacarían de contexto, pero non lle queda outro remedio que dar varias voltas para pensar onde pode aparcar. Non é moi fácil de facelo pola zona na que anda. E non están os tempos para usar a carteira para un aparcadoiro, amais de que ata atopalo fartaríase de dar voltas e máis voltas. Ao final decide saír un chisco da zona e ir a aparcar a un lugar onde presume que pode atopar algún oco libre. Pero tampouco aí puido deixar o seu futingo. Foi a gota que bordou o vaso; definitivamente, os tacos saíron de contexto. Contra o rebentón do sumidoiro, contras as obras, contra os obreiros que non tiñan culpa ningunha (pero claro, por non apurar arranxando a desfeita), contra os políticos do concello, coma se foran os causantes do rebentón e, por suposto, contra a situación. Tivo que apartarse aínda un chisco máis da zona. Pero aparcou. As súas palabras volveron xa a ser dignas dun dicionario.

              Cafetaría Menfis de Ourense. Luns, 20 de maio de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario