domingo, 19 de mayo de 2013

O BECERRO DE OURO DAS LETRAS GALEGAS



              De que vale que todos os xornais galegos publiquen o día 17 de maio, Día das Letras Galegas, as súas portadas na nosa lingua? Cando o sorriso se che ilumina ante esta situación, axiña se esfuma, no tempo que tardas en virar a folla do diario; na seguinte páxina xa volve o castelán a ser dono e señor dos rotativos. De que vale que se tiren o que vai de ano, ou polo menos uns meses, falando deste evento tan importante para Galicia, se despois, e practicamente o 95% ou máis, se segue usando o castelán? A que vén entón tanta defensa da lingua, se ata na propia sección de Galicia ou nas seccións locais usan o castelán a torto e a dereito? Que envexa teño dos cataláns. Estes si semella que defenden realmente todo o que é seu. Nós dedicámonos a adorar ao becerro de ouro representado polo día 17 de maio. Aí, un simple número vermello pintado en algúns calendarios para que os políticos presuman do que non usan ( xa teño dito que, escoitándoos pola radio, case sempre falan en castelán) e para que a inmensa maioría dos cidadáns se freten as mans ante unha xornada laboral menos, ante un festivo no que se dedican a ler en castelán e a ver películas dobradas ao castelán. Antes usamos os anglicismos cá nosa propia lingua. Pobres letras galegas!

              Finca Fierro. Domingo, 19 de maio de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario