viernes, 24 de mayo de 2013

SOBRE PEXAS, CEPOS E TRANCAS



              Por primeira vez na nosa terra, un xulgado de Pontevedra impón penas de prisión por usar cepos e trancas nos cabalos. O asunto ten o seu aquel. Nunca fun partidario de maltratar a un animal (cando araba co burro, empurraba eu máis no arado para que non sufrise o animal ca tiraba o propio asno), pero tamén entendo que os teñen que controlar dalgunha maneira. Certo que os cepos e trancas, ao ser de madeira, ou sexa, consistentes fan dano. Mais, antigamente, nós usabamos as pexas, tiras de coiro que se lles ataban ás patas dos animais, a unha de adiante e á outra de atrás, e sempre do mesmo lado. Algúns tamén lle ataban tal aparello ás dúas patas de adiante. Estes aparellos non adoitaban facer dano, pero se por un casual asomaba algunha ferida na pata da cabalaría, axiña lla envolviamos cun trapo calquera, máis ou menos o que facemos nós cando nos manca un zapato… que lle poñemos un apósito á ferida. As pexas tamén as podías alongar ou acurtar para deixarlle máis ou menos movemento ao animal. Vin a máis dun burro correr pexado, pero a unha velocidade que o collías sen dificultade. Penso que coa pexa non se maltrataba a ningún animal. Os que teñen cabalos nos montes deberían optar por este simple aparello, cómodo e inofensivo.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Xoves, 23 de maio de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario