martes, 1 de octubre de 2013

DIARIO DUN ENCERRO VITIVINÍCOLA


              Aínda que o auténtico peche non se iniciou ata as dez da mañá do martes pasado, un servidor empezou a vivilo xa ás cinco da madrugada, porque a preocupación é moita. A vendima empeza a estar a pleno rendemento, pero medio cento de viticultores estamos sen poder vender as uvas porque as adegas mandaron hai dous meses cartas nas que, por exceso de produción, non recollían máis uvas. Tan só as recollerán a baixo custe, ou sexa, regaladas ou, como moito, a 20 céntimos o quilo. Pero non dicían que tiñan exceso de produción? Por certo, a ese prezo, prefiro deixalas colgadas ou esmagalas no chan.
              Ás sete e cuarto erguinme como se fose para a oficina. Pero non fun (pedira o día por asuntos propios), e logo de “despachar” ós rapaces para o colexio, a miña muller e máis eu emprendemos camiño de Ribadavia, onde quedaramos co sindicato Unións Agrarias para falar do encerro que tiñamos que realizar, pois a esas horas aínda non se sabía cómo se faría. Ás nove da mañá acordouse marchar a Ourense, nos coches particulares, e encerrarse na Xefatura Territorial da Consellaría do Medio Rural, sita na rúa Florentino López Cuevillas. A consiga era entrar en pequenos grupos para evitar prohibicións e subir para o primeiro andar, onde se atopa o despacho do Xefe Territorial.
              Dito e feito; ás dez e uns minutos estabamos eses medio cento de viticultores no corredor dos despachos do primeiro andar. Como, no meu traballo, pertenzo a esa Consellaría, saúdos e bromas con compañeiros que coñezo ben. Axiña asomou o Xefe Territorial solicitando tres representantes para falar con eles. Ás once e cuarto saíu e, logo de boas palabras, faltaría máis!, nada de nada. O típico, que intentaría seguir o asunto pero que deixásemos libre o corredor. Por suposto, non se lle fixo caso.
E foi a partir de aí cando asomaron xa os distintos medios de comunicación (uns informarán e outros non). E foi a partir de aí cando as caras de moitos empezaban a amosar xa auténticos xestos de preocupación. O traballo de todo un ano está a piques de irse ó traste. Os cartos de todo un ano están a piques de non obter ningunha recompensa. Aínda preocupados, as bromas esperpénticas saín das bocas de todos nós. Bromas que, no fondo, producían unha intensa e gran dor. Repito: é o traballo de todo o ano. E moitos gastos. Son practicamente novo nisto da viticultura (vivín nos tempos e na zona dos sachos, aixadas, arados e carros) e non imaxinaba que nunha viña se gastasen tantos cartos.
              Non obstante, dentro da preocupación, aínda houbo momentos de relax; á unha, a muller e máis eu buscamos ó meu amigo e excompañeiro Alberto para tomar xuntos un merecido café. Levaba horas de pé e doíanme os pés.
              Pasaba das tres cando, antes de que nos botase a policía, optamos por saír da Xefatura Territorial e deixar, por este día, o encerro, o peche. E como penso que isto non ten solución, pois haberá que seguir guerreando, haberá que seguir chamando a atención. Como dicía o famoso Buzz Lightyear: “ata o infinito e máis alá”. E se non hai máis alá, a vendima poida que a faga igual, pero cos acios esmagados no chan.


              Café Oren Express da Valenzá. Martes, 1 de outubro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario