domingo, 27 de octubre de 2013

OULEOS


              Coio branco no bulleiro negro e raio de sol nunha treboada de inferno. O outono nada por entre as follas dos castiñeiros e pingan as castañas a eito. Queda o vagalume no medio da cuneta esperando a noite, para cruzar, logo, a carreira e apousentar no medio dun valado cheo de herbas secas. As pegadas dun lobo marcan o camiño por entre os piornos de Tras da Lomba. Máis alá da estrada rompe o silencio o seu ouleo. Logo, a tristura e o medo, flota por todo o monte Medo. Quere o rapaz romper ese medo con catro ouleos burlóns e non lle queda máis remedio que correr por Sudalomba abaixo cando o lobo lle contesta cun lamento longo, triste, demasiado longo, demasiado triste. O rapaz corre e non quere romper de novo o silencio. Baixo o sol amodiño polo outeiro de Brandín e as primeiras pingas de auga mestúranse ca suor do neno. Cando entra pola Cagalla vólvese cara ó Medo e, agora si, oulea con toda a forza do seu peito.


              Café Paco Paz de Ourense. Xoves, 24 de outubro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario