jueves, 24 de octubre de 2013

O CASCABEL Ó GATO


              Quixen poñerlle o cascabel ó gato, pero rabuñoume. Nas mans e, o moi lambón!, ata me choutou á cara. Púxoma perdida... a cara, a miña. Quixen darlle unha patada á gata (porque resulta que era gata), pero nun ziiiuuu! instantáneo conseguiu (a gata, claro) que a miña patada golpease o aire. Para máis aquel, case me escroco. Porque perdín o equilibrio e caín como gato panza arriba. Está visto que estes felinos non andan con andrómenas; se non te amolan dunha maneira, amólante doutra. Quixen chamar de novo á gata cariñosamente, pero, a moi condenada, rosmou e miroume de esguello. Eu ben entendín o seu movemento. Foi algo así como un “bícame no cu que teño paxariños”. A gata, polo que se ve, ten malas maneiras. E a verdade é que non me sinto con forzas para poñerlle o cascabel. Non quero máis rabuñaduras nin futuros escroques. Case vai ser mellor poñerlles o rabo ás cereixas.


              Café Oren Express da Valenzá. Martes, 22 de outubro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario