miércoles, 19 de junio de 2024

A ONDE VAS, VICENTE?


A onde vas, Vicente? Onde vai a xente. Mentira! Eu chámome Vicente e levo xa varios anos que non vou a onde hai xente. Nin tan sequera ós bares, que xa é dicir. Xa me acostumei a tomar café na casa. Algunha vez si que entrei a algúns cafés; a aqueles nos que vin que non había ninguén e nos que se vía, con suficiente antelación, chegar á xente para, así, poder marchar.

Facer a compra non vou a ningún supermercado. Simplemente a algunha tenda de aldea, e coa mesma alerta que a descrita sobre os cafés nos que entro. Porén, a maioría da compra sempre lla fago ós distintos comerciantes que pasan polas aldeas. E, iso si, vixiando sempre a ser o último cliente.


Non teño nada contra a xente. Simplemente que, unha noite, pensei na frase esa do Vicente e díxenme: ai si!, pois eu deixo de ir. E deixei. Déuseme por aí e xa non hai volta de folla. Tan feliz e tan contento.

O meu nome completo é Vicente Ribeiro Carneiro, aínda que poucos me chaman polo nome. Para os catro veciños que somos na aldea, sempre fun O Fillo do Rañado. Así, tal cal. Tampouco seu dicir se meu pai se rañaba ou non. Eu só me raño cando me pica, cando me proe. Miña nai sempre me dixo de neno: se che pica algo, ráñao.

Hai tantos anos que non vou á cidade (por iso da xente) que empezo a dubidar xa por onde se vai. Nacín, vivín e, por suposto, morrerei na aldea. Xa deixei escrito nun papel cravado na porta da corte que, no meu enterro, cando me chegue a hora, non quero a ninguén. Como moito, un cura para un responso (se quere) e o enterrador para que me dea terra (se quere tamén); non me importa ser alimento dos lobos ou dos xabarís. Agora, este Vicente segue na casa, que non vai para ningures.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 17 de xuño de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario