martes, 4 de junio de 2024

SOBRE ASUBÍOS


Semello o asubío que me filtro por entre os meus propios labios. Limpo, claro, agudo, ó estilo morriconeano con remate tarantiniano. A verdade é que agora xa non asubío como asubiaba. E non me refiro á calidade, á profesionalidade do asubío, senón que vou máis polo das veces que o facía e o fago, polo tempo que botaba asubiando.

De rapaz, cando máis forte e cando máis tempo botaba asubiando, era polo can, polo Uriarte. Despois, xa en menos ocasións, o asubío saía como chamada ós amigos ou mesmo á familia para saber en que finca ou leira andaban. Pasado o tempo, en Madrid, polos oitenta, cando máis asubiaba era nos días de néboa, ou cando levaba moito tempo paseando polas rúas. Unha vez preguntáronme se era galego. Si. É que os galegos asubiades moito. Os demais non sei, eu si.


Na Galicia profunda asubiaba máis cos dedos. Na capital do Imperio facíao cos beizos. Non era plan alterar a Gran Vía ou a Porta do Sol. No Medo e en Pinouzos é todo monte e, aquí, o asubío pode espallarse como queira. O único que pode asustar é ás pegas.

Na xuventude asubiaba cancións enteiras porque as sabía de memoria. Agora, precisamente cando a música me gusta máis ca nunca, non alcanzo nin unha estrofa, nin un retrouso. A memoria, coa idade, esvaece, practicamente é xa efémera. É tan efémera que non consigo lembrar o tema que levo xa meses asubiando, sabendo, iso si, que é de Morricone na versión dunha película de Tarantino.

Asubiar é bonito. Asubiar remexe os pulmóns e mestura latexos do que foi e do que é. Do que será... haberá que seguir asubiando. Marcho co Morricone e Tarantino filtrándose polos meus asubíos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 4 de xuño de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario