lunes, 24 de junio de 2024

UNHA PRAGA DE BICHOS


Levaba pouco máis de tres minutos na cafetaría (aínda tiña o café a medio tomar) cando recibín unha chamada telefónica. Que fose. Entenderedes que quen chamaba era alguén de Baños de Molgas. Fun, claro.

Resulta que había unha praga de bichos tan intensa que nin tan sequera se podía andar polas rúas, mesmo nin podían abrir as portas das casas nin as ventás. Chamáronme porque, sabendo da miña profesión de ex viticultor, entendían que era un especialista en fumigación, é dicir, en dar o sulfato.


Tan axiña como vin o contratempo souben que, alí, a fumigación non procedía; non habería funxicidas que chegasen para tanta cantidade de bicharada. O de praga quedábase pequeno, incluso o de formigueiro. Aquilo era unha mestura de bichos tan espesa que nin unha pinga de sulfato conseguiría penetrar. Porén, non me desanimei; nuns segundos, coma un flash, asomou unha idea á miña cabeza. A de que había que inundar toda a vila de Baños de Molgas e toda a contorna. Que a xente se subise como puidese ó campanario da igrexa.

Tiña que facer un encoro, máis grande que o de Castrelo de Miño e Lindoso xuntos. A mellor zona era a dos Lamas, aproveitando así a presa do Segundo. O grave problema estará no tempo. Facer un encoro coa extensión sumada dos dous citados, a pico e pala, levaría o seu tempo. Non perdín este en elucubracións; púxenme inmediatamente á faena. Teño que picar e padexar desde a saída do sol ata a posta do mesmo. Os días que fagan falta, os meses que fagan falta, os anos que fagan falta. Van saber eses bichos como as gasto!


Cafetaría Algarabía. Barrocás (Ourense). Xoves, 20 de xuño de 2024

Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 20 de xuño de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario