jueves, 20 de junio de 2024

BAILANDO SOBRE A FANTASÍA DOS SOÑOS


Malo será que o sol non asome detrás dunhas nubes brancas, que o ruxerruxe dun asubío se espalle polas carballeiras da esperanza e que no quilómetro cero da miña autovía se inicie un ir de ilusión que non remate nunca. O sol non asoma porque chove, o asubío non sae porque estou cantando e a miña autovía é máis unha carreira de carros que unha estrada asfaltada. Cantos atrancos hai nos camiños!


Emporiso, malo será que os cornos da lúa non brillen nas noites de silencio, que os niños das carrizas teñan algún que outro ovo e que a cuadratura do círculo non se debuxe nun simple soño. Algúns queren baixar a lúa, poñela ós pés de alguén, sen tan sequera subir por ela. As carrizas van de toxeira en toxeira e, en algunhas, pousarán as plumas coas que abrigarán a primavera. A cuadratura do círculo botarase ás boleiras para choutar dun esperpento a unha quimera, dunha ansiedade a un latexo e do máis completo silencio ó máis afónico berro.

Malo será que o brazo que estiro non encolla, porque chegará o momento no que non conseguirá alcanzar esa ilusión que está aí, ou ese desexo que palpita e ferve e explota. Alcanzar a gloria queda para os elixidos e, os demais, vivimos do conto. Malo será que, algún día, non conte tal conto. Ese no que a vida vai e vén, xoga e baila, dorme e esperta, berra e queda quieta, corre e morre á beira. Á beira dun cuarto en penumbra, que, co tempo, se queda ás escuras. Malo será que a idiosincrasia dun parecer non asente sobre a esperanza de certo proceder. Procedamos a bailar sobre a fantasía dos soños, sobre a imaxinación nocturna.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 18 de xuño de 2024

Café Beker. Ourense. Martes, 18 de xuño de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario