sábado, 8 de junio de 2024

ACTITUDES QUE APESTAN


Nin eleccións europeas, nin a guerra israelí, nin a guerra ucraína, nin a muller do presidente español, Begoña Gómez, foron quen de desbancar na gran noticia semanal dos medios de comunicación a fichaxe do futbolista francés, Kylian Mbappé, polo todopoderoso Real Madrid. Agora xa, definitivamente, os franceses son amigos nosos e o baile que levou a cabo o rapaz ese durante uns anos con si ou non, si ou non, si ou non, xa non se lle ten en conta, xa se lle perdoa todo. Algo moi parecido (con retranca, claro) ó acaecido, tamén co si pero non, do señor Xavi Hernández.


Son un fanático do fútbol como xogo (non só vexo partidos do Real Madrid, Barcelona e Celta), pero non me queda outra que renegar de todo o que o arrodea. E no caso da fichaxe de Mbappé de quen máis rosmo é precisamente dos medios de comunicación. Puxeron a baixar dun burro ó adestrador do Barcelona porque se foi e, sen irse, volveu. Déronlle paus, sen albarda ningunha, a máis non poder. Pola contra, toda esta semana pasada gabaron ó xogador francés que botou, xa digo, uns anos dicindo que viña e non veu. Os propios madridistas mesmo chegaron a miralo co ollo torto. Agora si, agora xa é o neno bonito do fútbol que nos espera para a próxima campaña. Incluso vai acontecer o que xa acontecera, creo, na Liga das Nacións, que os “grandes afeccionados” desexarán que gane a Eurocopa o país veciño, e non por ser precisamente veciño (a realidade pura e auténtica, polos nosos lares, o país veciño sempre foi Portugal), senón porque é o país do gran Kylian Mbappé. A verdade é que certas actitudes xornalísticas, periodísticas, televisivas, radiofónicas, comunicativas dan un pouco ou un moito de noxo.


E xa que nomeaba a guerra israelí, aproveito para seguir comentando que o señor Netanyahu segue a machucar nos inocentes: entre 35 e 40 mortos nun ataque israelita a unha escola da ONU. A metade das vítimas, como non, mulleres e nenos. O organismo mundial ese pon agora ó exército israelí nunha lista negra por danos á infancia. E que? Para que? Que consegue con iso? Iso é exactamente igual ó que fan a maioría dos países ante ese conflito: que moita crítica, que moita ameaza, que moita condena, pero de actuar, nada de nada. Esbardallamos en Bruxelas e na ONU e nos Parlamentos e onde faga falta, pero á hora da verdade hai que esperar a ver como actúa Estados Unidos. E os ianquis, xa o dixen o outro día: por un lado recriminan a Netanyahu e, polo outro, mándanlle máis armas.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 8 de xuño de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario