lunes, 17 de junio de 2024

AMEAZA DE BOMBA


Chamáronme á primeira hora da mañá para que fose. Fun. A calquera veciño de Baños de Molgas non lle nego nada. E menos se me di que houbo unha ameaza de bomba na ponte das Cabras. Non é que sexa un punto neurálxico para as comunicación coa vila molguesa, pero chega con que sexa unha estrada cara á Os Milagres para ter que actuar. E non só tamén polos Milagres, senón porque tamén é camiño ó monte Medo. Para un servidor, tanto este monte como aquel santuario xa son palabras maiores.


Menos lerias. Fun. Collín o meu Pancracio e fun correndo. Deixei o coche na Pitediña (se se producía algunha explosión, non quería que lle afectase) e fun andando segundo vestía o traxe de artificieiro, que, por certo, tiña colgado no faiado á beira do de astronauta. Creo que nunca o dixen, pero tamén son un profesional desarmando bombas. Empezara de rapaz desfacendo aqueles cartuchos dos foguetes que se lanzaban nas procesións do san Salvador, o patrón de Baños de Molgas. Despois xa me apuntei a algunha que outra guerra (si, cobrando, de mercenario) e de aí naceu toda a experiencia que teño, que é moita.

Ós poucos metros da ponte das Cabras vin a bolsa, o paquete sospeitoso. A pesar do perigo, a xente é curiosa por natureza; alí estaba media vila ante a perspectiva do que podía suceder. Con precaución, pero estaban. Alá eles; non lles dixen nada. Achegueime a modiño e estudando incluso ós arredores. A trampa podía estar antes da propia bolsa, do propio paquete. Non tardei en caer da burra, tan axiña como vin o nome da caixa. Abrina, así e todo, con moito tento. Tiña unha morea de pizzas cunha nota: que vos aproveite, pasmóns.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Venres, 14 de xuño de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario