martes, 18 de junio de 2024

UNHA PARVADA DEITADA SOBRE UNHA MATOGUEIRA


Botei a correr para analizar catro pingas de orballo e un ramallete de flores de loureiro. A análise deu unha parvada deitada sobre unha matogueira. Agora cada quen que busque a flor do toxo no medio do monte Medo. Eu rocei moitos na ladaíña dos tempos. Aqueles tempos nos que non quedaba outra que rozar e orar, rozar e orar.

Correndo atopei un parágrafo a medio escribir e un debuxo no que certos camiños se cruzaban con outros e cinco pontes cruzaban o mesmo río. Souben e vin ó momento que o debuxo representaba o meu lugar de nacemento. Alí estaban as pontes das Cabras, de Pinouzos, a ponte Nova, a ponte Vella e a ponte das Cepas. Corrín dunha á outra ata que as alcancei todas.


As pingas de orballo, ó correr, mollábanme os pés e as zapatillas eran coma remos roídos pola couza, polo caruncho. Todo se filtraba e as ansias entraban e saían como lles daba a gana. Tamén é verdade que non me preocupaba. Eu seguía correndo e ulindo o recendo, a fragrancia do loureiro. Aínda que as que me facían brillar os ollos de desexo eran as flores das toxeiras.

Botei a correr para chegar canto antes ó lado escuro da lúa. Levoume algo de tempo porque non son ningún compoñente de Pink Floyd. Porén, cheguei. E, ó chegar, a escuridade daquela revirou para a claridade ante o empuxe da miña ansiedade. Non hai coma o poderío da lúa vella. Agora cada quen que soñe con etapas nas que un día corres de présa e outro tan só trotas. Rematei a xornada deixando sobre un dos cráteres da lúa o ramallete de flores de loureiro.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 14 de xuño de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario