domingo, 9 de junio de 2024

O FONTANEIRO


O señor Evaristo Sanguñedo Pérez era o fontaneiro oficial da vila e de practicamente todo o concello de Baños de Molgas. O señor Evaristo, O Fontaneiro, era viúvo desde hai tanto xa que nin el mesmo sabe, hoxe, cantos anos leva só. Moitos, como adoita dicir. Non tivo fillos.

Aprendeu fontanaría nos regos que había polos lameiros dos Lamas; entre que conducía a auga, armaba presas ou encoros e mesmo facía rodas de muíño cos caxatos dos amieiros que había, ás moreas, polas beiras do río Arnoia. Formaba canles, tanto ó aire libre como metidas en tubaxes, dun rego a outro, dunha caldeira a outra.


Toda esta práctica levábaa á realidade nas casa dos veciños. Ninguén sabía moi ben como collera tales coñecementos, simplemente vían e oían que el, Evaristo, non deixaba de falar de canles, tubaxes, conducións, incluso filtros e demais cousas relacionadas coa auga e a súa canalización. Ante isto, houbo un veciño, Eladio Sotelo, O Atrevido, que ousou chamar a Evaristo para que lle arranxase unha tubaxe que lle perdía auga. Quedou contento e o boca a boca non tardou en espallarse pola vila de Baños de Molgas.

O Fontaneiro non tardou en facer do seu oficio o pan noso de cada día. E tampouco tardou en percorrer as demais aldeas do concello. Máis dunha vez o chamaron dos municipios lindeiros. El intentaba cumprir con todos os chamamentos e, ó traballar, estaba sempre cantando. E cando non cantaba, asubiaba. Evaristo Sanguñedo Pérez non se aburría nin tan sequera cando non traballaba. Leva xa varios anos xubilado, pero... segue cantando e asubiando.


Cafetaría Perla 3. Barrocás (Ourense). Domingo, 9 de xuño de 2024

Finca Fierro. Barbadás. Domingo, 9 de xuño de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario