domingo, 30 de junio de 2024

FACER POSIBLE O IMPOSIBLE


Hai algúns asuntos que me traen a malvivir. Como facer que o elefante pase, por fin, polo ollo da agulla? Como sentar no corno dereito da lúa en cuarto minguante? Como cruzar o Atlántico a nado sen saber nadar? Como vivir a realidade dun soño se tal realidade é soñada? Como cruzar o deserto do Sáhara en catro horas e de xeonllos? E non sigo porque marearía á perdiz e, sen perdiz, ninguén é feliz.

Pensando friamente, e en referencia a que non hai nada imposible, non me queda outra que dubidar de tal afirmación. O do elefante, por exemplo. Como imos meter a un bicho deses por un buraquiño de nada! Neste caso, case pode valer o de que non hai nada imposible... todo consistiría en facer unha agulla tan enorme que, polo seu buraco, puidese coller mesmo unha balea azul.


E que dicir de sentar no corno da lúa? Hai algo imposible niso? Mirade os chinos, que están a estudar a cara oculta daquela. Moito nos burlamos dos chinos pero son os que nos sacan dun apuro e, da lúa, ensínannos o seu lado escuro. Son listos e agudos coma allos.

O de cruzar o Atlántico a nado sen saber nadar... aí xa non furgo nas posibilidades raras para facer posible o imposible. Neste caso, doume por derrotado. A non ser que faga que nado mentres me empurra un golfiño. Cousas máis raras se ven neste mundiño. A realidade dun soño era aquela na que cruzaba o Sáhara en soños. Aínda que, nestes, si o cruzaba a nado porque, para min, non hai nada imposible. Nada.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 26 de xuño de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario