Tratar asuntos serios en pleno auxe da Eurocopa, non é que me atraia moito (prefería falar de fútbol). Pero tamén é verdade que hai noticias que non se deben deixar perdidas no tempo, pois estas, a maioría, ensinan como é a natureza humana, o proceder do home ante situacións coas que non está de acordo. O bonito sería que, ese desacordo, se tratase de palabra, conversando, razoando, e non a paus.
En Chandrexa de Queixa, dous veciños, en vez de usar paus, botaron man de sachos para “razoar” polas quendas ou polo uso do regadío nas súas fincas ou lameiros. O xenio que levamos dentro (mellor dito, o demo) asoma sempre por unha parvada de nada... unha simple discusión de tráfico, nunha cola do súper, por unha galla dun carballo que traspasa a marxe e, o máis famoso de todos, polos marcos. Destes sempre saltamos con bromas, pero, á hora da verdade, que non nos toquen o marco; ou a auga, ou a galla. E ninguén está libre de pecado. Cun simple pero, mesmo cunha simple palabra ou mirada que non nos gusta, xa saltamos. Acabamos de ver como son os nosos saltos: con fouciños e gadañas, con sachos e aixadas...
Como saltan, sen chamalos, certos países que axiña meten os fociños nas guerras, pero que non se atreven a actuar contra, por exemplo, Afganistán. Aclaro que non digo de que actúen violentamente, pero si usando outros medios de presión para impoñerse en calquera asunto. Os medios de presión haberaos sempre. É que en Afganistán trátanse ás mulleres peor que se foran escravas ou bruxas. Practicamente xa non hai emprego para elas. As que o teñen, xa pode ser da categoría que sexa, non pasan de cobrar 65 €. Instauraron a lapidación pública por adulterio, cando sabemos que, se fora o home o que cometera tal adulterio, dirían que é porque a muller non o satisfacía ou por calquera outra trapallada. Xa sei que moitos pensarán que tales asuntos internos os deberían resolver os propios países. Pero, segundo actuamos cando hai petróleo ou armas por medio, por exemplo, por que non axudamos ou medio obrigamos a que se cumpran os dereitos humanos?
Máis asuntos serios? Corea do Norte meterá no cárcere a aqueles que vexan noticias nun medio estranxeiro. E, en Rusia, os que as escriban irán ó cárcere. A proba é que xa enviou a 97 periodistas en cinco anos. As verdades doen. A mellor solución é pechar as bocas.
Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 22 de xuño de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario