miércoles, 26 de junio de 2024

BAILANDO, QUE É XERUNDIO


Bailei sobre a deda gorda do pé dereito e unha rula miroume de esguello. Non me senta moi ben que un paxaro queira marcar os meus eventos. Xa chega ben con aquelas persoas que están sempre a escudriñar o universo. Á maioría non nos gusta que nos marquen o ritmo dos pés. A maioría quere ir por libre neste peregrinar eterno. Non nos deixan.


Bailei tamén sobre a agulla do reloxo do campanario da igrexa. Aquí fíxeno con moito tento, con moito sosego. Non quería caer. A altura do campanario está máis cerca do ceo que do inferno. Aínda que, se caio, sei que remato no inferno. Nese baile, de cando en cando, choutaba da agulla grande á pequena. Facía coma o propio tempo; dos minutos pasaba ás horas. Non me mirou ninguén de mala maneira. Lóxico, nesas alturas non había unha alma. Nin tan sequera estaban as cegoñas que tiñan o niño nunha beira do campanario. Cando rematou o tema de bailando con lobos, baixei.

O bonito, agora, sería bailar cos pés descalzos sobre as flores amarelas dunha toxeira. Non o farei porque os toxos pican e non preciso aguilladas que me tangan. Sei perfectamente cal é a carreira, o camiño da esperanza e o tempo que me levará para alcanzar a realidade. Porén, téñolle medo a esa realidade por, precisamente, descoñecida. E a miña pregoada valentía é máis ben un disimulo da típica covardía.

Case mellor bailo sobre a punta dos pés e que cada deda faga arabescos como queira. Mellor deixar que sexan elas as que marquen o ritmo dos diversos temas. Bailando, que é xerundio, nesta tarde de tormenta.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 21 de xuño de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario