sábado, 29 de junio de 2024

U-LA MARXE? U-LO MARCO?


Ata agora, cada vez que nos cruzabamos con amigos ou alguén coñecido, case sempre usabamos de apertura comunicativa (logo do correspondente ola ou bo día) o tempo climatolóxico, pero duns días para acá tal inicio paroleiro empeza coas leiras, coa limpeza das fincas. Duns días para acá, a maioría dos concellos bombardearon con cartas ós propietarios de fincas para que nun prazo, máis ou menos prudente, desbravasen ou rozasen aquelas parcelas máis achegadas ós núcleos de poboación.

Deica aí, todo moi ben. Ten a súa lóxica, xa que, a causa do abandono, tales leiras ocasionan un auténtico perigo ante un presunto incendio. O problema chega coa propia limpeza. Mesmo os propios concellos xa se queixan de que unha boa parte das comunicacións non se poden levar a cabo por descoñecemento do domicilio actual de tales propietarios. As empresas ou particulares que, estes días, se dedican a desbravar tamén se lamentan de que non dan feito. Aínda que, na miña opinión, o problema máis grande está na propia situación ou localización das fincas, incluso das propias.


Cando mandan aviso para limpar, iso significa que, efectivamente, as leiras están cheas de broza, de matogueiras, completamente abandonadas, o que significa que... si, sabemos moi ben por onde caía esa finca, ese eido, pero... u-la marxe?, u-lo marco? Por culpa do abandono xa nin hai marxes, nin marcos nin idea de por onde é realmente a finca de cada un. E non é un prato de gusto rozar na finca do veciño, non por rozarlle (que el seguro que encantado da vida), senón por facerlle o seu traballo.

Hoxe mesmo, sábado, que é cando escribo este Recuncho, tiven que limpar unha da sogra, que nin ela, nin as fillas sabían exactamente cal era, polo que non me quedou outra que botar un pouco man do Sixpac e outro pouco, o de sempre: a ollo. Aínda que sempre defendín que a mellor medida que existe é “a ollo”, a realidade é outra... e se me fallou o ollo e me matei limpando un bo cacho da do veciño?

Para un servidor, a mellor solución está en que todas esas Franxas Secundarias (as zonas que a Xunta marca para desbravar) as limparan os concellos ou a propia Xunta e que, logo, lles pasara a factura ós propietarios. Moita xente, non é que non queira limpar as fincas, senón que non sabe onde limpar. Hai que buscar outro método como sexa. Tampouco é un prato de gusto ver a túa limpa e as dos demais cheas de broza. Se se limpara de a feito, non existiría este problema.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 29 de xuño de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario