jueves, 27 de junio de 2024

SENTADO NA ESCALEIRA DE PEDRA


Alí estaba; sentado na escaleira de pedra. Esperando. Esperando non sabía que. Aínda que, no fondo, desexaba que aparecese por alí un ultra, un extremista para cantarlle as corenta. Levaba un tempo xa que ulía a hecatombe e observaba as declaracións que ían máis alá das propias declaracións. Sabe que o propio Abascal está disposto a enfrontarse ó Goberno “fisicamente”. Palabras textuais. El, Secundino, intuía e estaba seguro de que si. Mesmo xa lle tiña medo ós ultras franceses. Medio en broma, medio en serio, soltáballe a calquera que o quixese escoitar que se acaba o mundo. E ó dicilo deixaba escapar tres ou catro saloucos de tristura.


Secundino Sandán Soler era fillo de Dionisio, O Solteiro (a retranca galega para os alcumes, para os sobrenomes é de todos coñecida), e presumía de ser apolítico, aínda que, de cando en cando ou bastante a miúdo, soltase sentenzas políticas. El non é parvo e ve o que está a pasar.

Semella que é parvo, incluso pola postura na que está sentado sobre a escaleira de pedra. E mirándolle para a expresión da cara, parece aínda máis paspán, máis pasmón. Ollada perdida, xestos raros, acenos incomprensibles, sorrisos que non veñen a conto e pateo de pés ante un ritmo musical imaxinario. O fillo do Solteiro segue esperando.

Esperando e confiando en que non haxa máis cunetas e paredóns, tiros nas noites, medo nas casas, carraxes entre veciños, traizóns entre amigos, acusacións entre familias. El non viviu a antiga contenda, pero sabe moi ben o que pasou. Secundino non é político, pero a cabeza dálle para todo un tratado de paz. Oxalá este sexa eterno.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 24 de xuño de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario