lunes, 10 de junio de 2024

BOTAR A CASA POLA VENTÁ


A xente fala moito e fala sen saber. Non é tan fácil botar a casa pola ventá. Nada fácil. Eu intenteino e, certo, fíxeno. Pero maldita a hora en que se me ocorreu tal cousa. Porque, para máis aquel, a miña casa só tiña unha ventá. E por chamarlle desa maneira. Máis ben era unha xaneliña.


As cousas pequenas aínda as conseguín botar máis ou menos enteiras, pero, por exemplo, a lavadora xa tiven que desfacela a base de mazadas. Case tiven unha desgraza ó principio porque, coma sempre escoitara que non sei que de empezar a casa polo tellado en plan de cousa mal feita, optei, claro, por empezar a derrubala por abaixo, case polos cementos. No primeiro golpe de maza que lle dei, e ante un forte estremecemento da fachada, caín na conta de que se seguía por aí, entón si me caería a casa enriba do lombo. A lóxica mandoume daquela a empezar polo tellado. As tellas ben que me colleron pola xanela. Mesmo os pontóns. O problema chegou coas vigas. Trabes de castiñeiro, gordas, duras, enormes. Tiven que serralas. Á man, pois nin tan sequera teño motoserra.

Algún veciño que pasou por alí comentoume que por que non ensanchaba a xanela. Non lles contestei para non rebaterlles o de botar a casa pola ventá. As cousas son como son: os ditos, adaxios, proverbios e refráns están para cumprilos. Sempre fun moi cumpridor e moi tradicionalista. As cousas teñen que ser así e xa está. Os experimentos quedan para os profesionais.

Non son profesional de nada. Non experimentei. O traballo foi enorme. Sangue e suor (non é fácil que chore). Pero, repito, non é doado botar a casa pola ventá.


Café O Chicote. A Valenzá. Luns, 10 de xuño de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario