miércoles, 12 de junio de 2024

OPERACIÓNS MATEMÁTICAS


Quixen asemellarme a Xesucristo e non lle cheguei nin á sola das súas sandalias. A semellanza xa se foi ó garete no primeiro intento, cando quixen multiplicar os pans e os peixes. Sempre me saía o mesmo resultado: un simple pan (iso si, centeo) e unha troita vella que conseguira pescar á cachea nas augas do río Arnoia, ó seu paso por Baños de Molgas. Fixen varios intentos de multiplicación e non houbo maneira. Sempre o mesmo pan e a mesma troita. Porén, alegreime de que a auga non se convertera en viño. Son abstemio.


Vendo que as miñas milagres nin sal nin peixe, optei por buscar unha división a algo ou de algo. No dividendo puxen un berro; no divisor, o silencio; no cociente, un pensamento. Todo iso deume, de resto, un verso. Un puto e simple verso! Para máis aquel, un verso tan curto que mesmo daba pena. Dicía que a vida era un ir e vir. Nada máis.

Non obstante, e aínda que sexa de pascuas a ramos, de algo me ten que valer a intelixencia. Esta está presta a resolver certas ecuacións. Como a de darlle a volta á tortilla: a de multiplicar esa mesma división que acababa de facer. Así, multipliquei o berro polo silencio, co que logrei un certo coñecemento; este multipliqueino polo pensamento e... que me deu? O poema enteiro!

O poema dicía moito máis da vida. Que si, que é un ir e vir; pero tanto nas idas como nas voltas hai atrancos e barrancos, ríos que hai que cruzar a nado e selvas nas que se perde un. Na vida hai bailes que hai que saber executar e cancións que hai que saber cantar. A vida si que é unha operación matemática que suma, resta, divide e multiplica e na que o resultado final é precisamente ese: o de vivir. A vivir, que son dous días!


Café Brétema. A Valenzá. Mércores, 12 de xuño de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario