sábado, 15 de junio de 2024

PEGADIÑO Ó SOFÁ


Este verán ou me enceto ou me saen calos no cu de tanto sofá. Deportivamente falando. Acaba de empezar a Eurocopa, está a piques de iniciarse o Tour de Francia, chegarán os Xogos Olímpicos e rematarei coa Volta Ciclista a España. Non podo pedir máis. Un verán moi pero que moi deportivo. Aínda que, iso si, quen se levará a palma será o fútbol. A miña intención é poder ver os máximos partidos da Eurocopa dos 51 que televisarán pola TVE. Non digo os 51 porque sei xa de antemán que me é imposible.


No momento de escribir este Recuncho xa vin catro; o da inauguración do venres e os tres de hoxe (sábado). Si, é verdade, do das tres da tarde, o Hungría-Suíza, tan só puiden ver o segundo tempo. Pero, despois, xa non despeguei o corpo do sofá. A maiores, para máis aquel, despois do último partido do día, toca a correspondente película cinematográfica. Á forza lle collerei cariño ó sofá.

Aproveito logo o Recuncho futbolístico para falar dos comentaristas televisivos nesta Eurocopa, máis en concreto de Juan Carlos Rivero, do que, hai dous días, lin uns comentarios del nos que ignoraba as críticas que ten polas redes sociais sobre os seus erros ó comentar os partidos.


Son dos que admito erros en calquera comentarista, sexa televisivo ou radiofónico, porque o falar moito e de seguido, existe a posibilidade de que certas palabras ou certos comentarios se nos traben un pouco. E o dito: errar é de humanos. Agora ben, non me queda outra que darlle a razón a eses críticos ante os continuos erros de Juan Carlos Rivero. Xa hai moito (e cando digo moito refírome incluso a máis dun ano) que lle comentei a un dos meus rapaces co que vexo moito fútbol que ese home erraba moitas veces, principalmente na visión e nome dos xogadores. Por momentos fala de xogadores que, ó mellor, xa hai dez ou vinte minutos que están no banco, que os cambiaron; ou infinidade de veces confundindo a uns xogadores con outros. Non hai un só partido non que non meta os pés polas mangas, e varias veces no mesmo partido. Non é un erro illado. Aínda que o que son as cousas, hoxe, no España-Croacia, non lle apreciei ningún. Outro dato na súa contra, é que se lle ve moito o rabo, o plumeiro, que se lle nota ás leguas o seu favoritismo merengue. Remato para dicir que, como usaba comentaristas en plural, pois outro que non me convence nada é Carlos Marchena. Porén, con eles ou sen eles... seguirei atento á televisión e pegadiño ó sofá.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 15 de xuño de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario