viernes, 28 de junio de 2024

RADIO CARACOL


Radio Caracol informa: o tempo pasa devagariño, mentres que o lóstrego sae á velocidade dunha chispa ou dun mal raio me parta. Pero sen partirme. Aínda quero informar da raíz cadrada do marco dunha leira de 0,78 hectáreas. Se o resultado non dá exacto, xa a armamos. Alguén me moveu o marco!

Case é mellor, entón, quedar quieto e deixar que o sol ase ós paxariños. Polo leste asoman nubes de tormenta, quizais coa intención, un pouco máis tarde, de cuspir tronos e alustros para que, a algúns, lles entre o medo no corpo. Miña nai gozaba co ruído dos tronos e eu, que tamén gozo con eles e coas tracas, si me acovardo un pouco ante os relampos. Quizais porque, unha vez, unha chispa caeu tan cerca que vin como unha das miñas vacas, a Cereixa, daba un salto para atrás a causa do susto ou da forza do alustro. Desde aquel momento, téñolles polo menos respecto.


Radio Caracol segue informando: que cando un vaso de cristal cae sobre unha baldosa, o máis seguro é que rompa e que o estoupido tamén asuste. Acaba de caer un vaso de cristal e o seu estalido asustou un pouco. Pouco porque non ten a forza do lóstrego nin do trono.

Pois neste momento case se agradece que asome dunha vez a treboada, xa que a canícula molesta bastante. A roupa pégase á pel, a pel apégase ó papel e é moi difícil escribir sobre este. Agora, cada un é moi libre de desexar canícula ou tormenta. Eu tan só son o portavoz de Radio Caracol, que está aquí para informar e tan só para informar.


Café Beker. Ourense. Martes, 25 de xuño de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario