jueves, 13 de junio de 2024

MATRÍCULAS CON NÚMEROS E LETRAS


Mirei para a matrícula do coche e vin que tiña números e letras. Milladoiro o que ten é unha música marabillosa. Como marabillosa é a`pomba que espera ás migallas das bicas que adoitan poñer cos cafés. O café, máis que rico, é coma unha éxtase divina. O Dúo Dinámico di que non sei que dunha xitana de Andalucía. Co bonita que é unha muiñeira galega! Para gustos seica hai cores.

Mirei para os coches que pasaban e todos levaban matrículas con números e letras. Os meus pés levan o ritmo de todas as cancións que asoman polos auriculares. Incluso a pomba que anda por aí se puxo a bailar sobre o respaldo dunha cadeira. O sol tamén está a bailar por entre unhas nubes brancas e negras. O loureiro baila un tango sobre un toxo florido e o valse das bolboretas de Danny Daniel cae sobre a páxina en branco para que se vexa que a música e o baile é case o mesmo.


Mirei para os coches aparcados e, a algúns, non consigo verlles as matrículas cos números e letras. A uns poucos si lles vexo parte; ou ben os números, ou ben as letras. Tampouco vexo o ruído que fan eses coches, nin tan sequera o rular das pombas, porque o ruído non se ve, pero si o sinto. Como sinto o silencio, aínda que non se note. Eu nótoo. Hai momentos nos que, aínda con moito barullo, se palpa o silencio. Coma nas novelas do Oeste de Marcial Lafuente Estefanía.

Mirei para un só coche e, cousas da vida (ou da ignorancia), non souben describir a súa cor. Agora hai cores raras. Seguro que son mesturas que rematan cunhas ou outras tonalidades. Si, ten matrícula con catro números e tres letras. A pomba mira para min cunha pouca de ansia. Bótolle un cacho de bica.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 12 de xuño de 2024

Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Xoves, 13 de xuño de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario