jueves, 6 de junio de 2024

LOCALIZANDO O OBXECTO


Localicei o obxecto. Estaba metido nun dos recantos da memoria. Aquel no que a conciencia nin arre nin xo. Noutros recantos non había nada. Tan só o baleiro dunha esperanza frouxa, case inexistente. O obxecto non era grande nin pequeno; era segundo o tamaño do latexo que sae cando o corazón bombea. Ás veces, o sangue tamén bombea por culpa das emocións ou das carraxes.

Localicei o obxecto que se acubillara aí de cando os recordos eran historias que se contaban ou non, que se inventaban ou non, pero sempre estaban á espera dunha explosión repentina. Xa o tempo dirá se o obxecto era digno da realidade que se abraza a cada un. Non todos alcanzamos esa inercia na que todo flúe con parsimonia e a vida camiña, moi suavemente, polas corredoiras da épica.


O obxecto seguía o ritmo dos latexos e choutaba da morriña á infancia, da rebeldía á xuventude, da sensatez á idade adulta e da realidade ó tempo no que estamos. O obxecto facíase grande coa explosión dun berro e minguaba coa quietude do silencio, corría detrás dun desexo e freaba ante a indiferenza dun sentimento. Ó obxecto non lle quedaba outra que xunguirse ou atarse á fantasía dun soño.

Acabei por meterme nese recanto da memoria para aloumiñar o obxecto. En cada caricia medraba, e en cada estirón un suspiro rachaba o silencio. O obxecto cobraba vida de tal maneira que, nun arre, choutou ó sermón dos recordos e, nun xo, parou para que estes aterraran, con moita calma e coa boa letra, sobre a páxina en branco dunha ilusión, a miña ilusión.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 6 de xuño de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario