jueves, 8 de agosto de 2024

20 ANOS DAN PARA MOITO


Seguro que chegou a Maceda baixo o ritmo musical de Caetano Veloso (mentres escribo, e na súa homenaxe, escoito éxitos dese grandioso brasileiro). Chegou o 2 de xaneiro de 2002. Chegou co euro. Chegou para ser máis que técnico agrícola, auxiliar administrativo. Máis que xefe, foi compañeiro; e máis que compañeiro, foi amigo. Chegou para meterse na miña vida durante 20 anos.

Camilo Nieto Rey era tan especial que ós tres ou catro meses, sen case coñecernos, díxome que alá por Lira, en Carnota, reformara unha casiña da que podía facer uso dela ese mesmo verán xa. Durante cinco anos para alá fomos de vacacións. A un verdadeiro amigo non se lle desprezan os ofrecementos. Neses tres ou catro meses xa vira, xa notara que Camilo sería especial na miña vida.


20 anos dan para moito. Anécdotas a esgalla. Non era moi amigo dos acentos e como sabía do meu fanatismo ortográfico, sempre me daba os seus escritos a corrixir. Gustos moi semellantes, tanto nos particulares (cine, música, lecturas) coma nos xerais. Se ata politicamente falando creo que eramos da mesma ideoloxía. Nunca llo preguntei porque estas cousas non se preguntan, pero chegan unhas palabras ou algunhas accións para saber de que pé coxea o ser humano. Sei seguro que Camilo coxeaba comigo.

Era tan tranquilo, que non se alteraba por nada e sempre tiña un “pero” para as actitudes máis negativas... “aquel fixo esta falcatruada”, podía dicirlle alguén; e el... “ó mellor tiña os seus motivos”, ou algo semellante. Sempre intentaba xustificar os erros doutros. Era de corazón tan grande!

“Camilo, ti e máis eu pasamos máis tempo xuntos que coas nosas mulleres”, díxenlle un día. “Pois se dis ti iso, imaxina eu”, non tardou en contestar. Porque el era de Ames, á beiriña de Santiago, e só vía á súa familia as fins de semana e, xeralmente, os mércores, que alá se marchaba aínda que só fose por unha tarde e media noite (había que madrugar para regresar a Maceda os xoves).

Apuntábase a todos os cursos habidos e por haber porque quería saber e quería transmitirlle todo o que aprendera ós gandeiros e agricultores da zona de Maceda. Sempre dixen e sigo a dicilo: que o día que lles falte a estes, botarán moito de menos a Camilo. Sei seguro que xa o están botando de menos.

Porque, a vida, poida que si sexa bonita, pero, ás veces, dá tal hostión que rompe todos os esquemas. E non é o mesmo “desaparecer” dentro dunha lóxica (idade, enfermidade grave, etc.), que tal desaparición chegue de súpeto e arrepiando as entrañas daqueles que o quixemos, que o queremos e, no meu caso polo menos, que o quererei sempre. Porque 20 anos atan moito. Que a terra che sexa leve, compañeiro, amigo. Máis que amigo. Deica o infinito e máis alá, Camilo!


Finca Fierro. Barbadás. Mércores, 7 de agosto de 2024

1 comentario: