miércoles, 21 de agosto de 2024

OS PAXAROS


Sobre min, o universo cheo de silencio e unhas pequenas nubes brancas que sei que non tardarán en volverse grises. Un pouco máis cara á dereita unha morea de paxaros negros, que non son corvos nin merlos, pero ós que empecei a collerlles medo. Pensei nos paxaros de Hitchcock. Por se aquel, pouco a pouco, paso a paso, disimuladamente, retrocedín ata a entrada da palleira. Pegueime á porta, pero non entrei. Esperaba acontecementos.

Sobre min, o ceo xa se volvera gris e a morea de paxaros cada vez era máis grande. Voaban en círculo, pero sen se afastar moito. O silencio xa non era tal; a infinidades de ás e de píos imperaba sobre aquel e, o que era peor, tal rumor, tal ruxerruxe empezaba a converterse en barullo que, non tardaría moito, remataría en ruído, pois os paxaros cada vez eran máis e cada vez os tiña máis cerca.


A película de Hitchcock empezaba a ser pouca cousa en comparanza co que semellaba que estaba por vir. Por precaución, xa tiña a man sobre o fecho, sobre a pechadura da porta da palleira. Se o asunto ía máis alá do suspense ou do terror de Hitchcock, nun alustro, meteríame dentro.

Mentres, sobre min, xa nin había nubes brancas nin grises, xa todo estaba cuberto de negro... do negro dos paxaros. Non había unha fenda, unha regaña que deixase ver o ceo. O meu corazón latexaba con forza e todo o meu corpo bambeaba sangue de tal maneira que notei como se me inchaban as veas. O asunto xa pasaba de serio. Intenteino: imitei o chío das aguias e, nun amén, o ceo volveuse azul con tan só una nube branca. Sobre min, o universo encheuse de novo de silencio.


Bar Paco. O Vinteún (Ourense). Martes, 20 de agosto de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario