martes, 20 de agosto de 2024

QUEN ESPERA, DESESPERA


Pois nada; non queda outra que esperar. Levo tres horas esperando e seguirei. Quen ten que vir, non chega. Non lle vou facer desplante, claro. Espero. Aínda que o dixen moitas veces e que penso que xa sabedes... que quen espera, desespera. Esperando, abúrrome. Abúrrome moito. A pesar de que xa rematei un libro e empecei outro. Nas esperas, de todo se cansa un. Xoguei incluso un pouco co móbil; algo semellante ó trivial ou como lle chamen. É dicir, preguntas a respostas. Sempre me gustou saber. Minto; sempre me gustou saber se sei, que cambia o asunto, a cuestión, a realidade. A maiores de que practico a memoria. Din que é bo exercitar a memoria, e que a certas idades é máis que bo. Xa vou tendo unha idade na que... eu que sei, vai ti saber. O alzhéimer pode aparecer en calquera momento. Se non apareceu xa.


Sigo esperando. Non me poño a asubiar algo de Morricone porque me dá vergonza. Non estou só na terraza. E se non asubío, moito menos canto unha de Sabina ou de Elvis. Aquí tamén minto un pouco: en tal caso, a do Presley cantaruxaría, xa que o meu inglés é máis que pobre. Tampouco me poño a bailar porque non sei. Como moito bailaría sobre unha toxeira a causa das picaduras. Non dou unha a dereitas: non podo bailar sobre unha toxeira porque escarallaría as súas flores. E estaredes comigo en que, onde estea a flor do toxo, que se quite todo o demais.

Sigo esperando. Á sombra. Porque seguimos coa canícula apoderándose dos días, desde a mañá ben cedo xa. Sigo esperando co sentido alerta por se... Alá vén xa! Deixo de esperar.


Café Míster Lois. Ourense. Luns, 18 de agosto de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario