miércoles, 14 de agosto de 2024

SALTOS


Tensei os músculos e saltei. Saltei sobre a memoria dun piollo e, no aire, xa vin que a tiña baleira. A verdade é que, a capacidade, élle pouca. Saltei sobre unha cama desfeita que, tamén, estaba baleira. Que pena.

Hai saltos nos que se cruzan os erros cos acertos e as ansias coa calma, coa pachorra, co acougo, co silencio. Hai saltos con moita altura e saltos que quedan engarrados, enganchados en farracas ou faldriqueiras a medio facer. Saltos sobre toxeiras e silveiras, sobre novelas baratas e fochancas. Saltos sobre o entendemento difícil de entender e sobre sentimentos que van máis alá dos confíns do universo. Saltos a medio camiño e saltos longos.


En cada salto tenso os músculos de tal forma que teño medo a que estralen e que os versos desfagan o poema, ou que, no medio do salto, me esnafre contra o valado, contra o muro, o obstáculo, o atranco. Mellor sosegar un pouco e deixar que os músculos se acomoden, se adapten para un novo salto, para os seguintes saltos.

Xa descansado, volvo saltar sobre a conciencia que non teño, sobre o desexo que manca, sobre a ignorancia que doe, sobre a esperanza que espera, sobre o soño que non se fai real, sobre as guerras que non acaban, sobre os latexos que laceran, sobre a paz que é unha quimera, sobre a Perla Negra que navega e sobre o reflexo dun espello que marea.

Tensei os músculos e saltei. Para dar saltos de alegría, e de morriña, e de ansiedade, e sobre os berros que rachan o silencio, e sobre o silencio que me deixa baleiro. Canso de saltar... acougo.


Café Chechu. O Vinteún (Ourense). Mércores, 14 de agosto de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario