viernes, 2 de agosto de 2024

A FANTASÍA DOMINA TODO


Herba seca espallada polo chan. Nubes brancas sobre un ceo azul. Tempo que pasa nunha camiñada curta. Piar de paxaro entre unha silveira. Cabeza de lagarto, estirada, ó sol. Xuncas que se moven ante a suave brisa, por lle chamar dalgunha maneira. A calma, o bochorno e o silencio en cada intervalo do piar do paxaro sosegan a andaina, xusto no medio e medio do atallo.

E ninguén me seguiu o ritmo. Porque andaba só, ando só. Sempre se dixo que mellor só que mal acompañado. Certo. Mellor andar ó ritmo dunha doniña, á velocidade dun vencello, coa pachorra dunha tartaruga, incluso cos nervios dun alacrán. Aínda que, con este, se te pica, busca cura e sancristán, que mañá te enterrarán. Mal asunto. Requiescat in pace polo despiste, pola confianza.


Sigo andando na procura dunha fantasía que aínda hai que fabricar. Non sempre asoma á boa de Deus. Algunhas veces hai que asfaltarlle o camiño para que non tropece, para que non se atranque. A fantasía, sen obstáculos, é coma soñar esperto unha e outra vez, unha e outra vez...

Coches que pasan. Ruído que deixan. Pomba que se achega. Bonita pulseira nun nocello de muller. Sorriso no xesto da mesma muller. Banda sonora que soa, que escoito. Pasos que trepan xa nas baldosas da beirarrúa. E a andaina que segue, lenta pero segura. Baixo unhas nubes xa máis grises que brancas, sobre un ceo con menos espazos azuis. Tempo que non se detén e o barullo empeza a dobregar ó silencio; por culpa dos coches e motos, en particular, e do ambiente, en xeral. A rúa, ancha e longa, non é o mesmo que o atallo, estreito e curto. Tan só a fantasía domina todo.


Café Kibu. A Valenzá. Xoves, 1 de agosto de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario