viernes, 30 de agosto de 2024

BAIXANDO PULSACIÓNS


Baixei as pulsacións co blues que Vangelis compuxo para “Blade Runner” e, amodiño, deixei que o momento empreñase co silencio da señardade. Xa chegará a hora na que a subela furgue no coiro da realidade. Esta, ás veces, quizais moitas veces, é dura. Porén, sempre saberei aliarme, mancomunarme cos soños nos que, a fantasía, vai moito máis alá incluso da verdade.

Xa tranquilo, baixo a quietude dunha treboada que pasou (ó mellor só na miña imaxinación), asubío un tema de Morricone que me manda a aqueles lugares nos que unha traizón resolvíase nun duelo de miradas e con moita música de fondo, e nos que unha verdade asomaba tras as reses soltas dunha pradaría inmensa. Puro Oeste!


Agora, pasada a imaxinación, a figuración, a fantasía, deixo que a vida flúa por entre un rock and roll nostálxico e cheo de movemento nos apousentos de Graceland. Sempre hai lóstregos de tempo que iluminan as ansias dunha aventura mitolóxica. Mellor sería filosófica, pero a filosofía non está para desenvolverse entre temas musicais cinematográficos. Cada quen que lle poña música á súa propia película, ó seu recanto de vida.

Baixei as pulsacións co tema de amor que Vangelis seguiu compoñendo para “Blade Runner” e, practicamente durmido, deixei que o instante empreñase co silencio da melancolía. Sempre chegará a euforia por un asubío detrás doutro asubío e por un rock and rollo detrás dun blues. Eu, por de pronto, bailarei baixo a penumbra dunha fantasía.


Café Kibu. A Valenzá. Mércores, 28 de agosto de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario