sábado, 24 de agosto de 2024

SABIA, BONITA E... CRUEL


A natureza é sabia. A natureza é bonita, moi bonita. Porén, a natureza tamén é moi cruel. Mata ela máis que as peores guerras. Como se adoita dicir: por onde pasa, arrasa. E se non que llo pregunten ós indonesios que, o 27 de agosto de 1883 (fará mañá 141 anos), o volcán Krakatoa explotou con tan mala uva, tan intensamente que deixou un soldo de 36.417 vítimas mortais.

Certo que estas cantidades son irrisorias en comparación cos que morreron en China o 25 de agosto de 1931 (fixo onte 93 anos), cando a auga do Gran Canal arrastrou durante a noite varios diques preto do lago Gaoyou e afogaron unhas 200.000 persoas mentres durmían. E contan as crónicas que entre xullo e novembro dese ano 31 perderon a vida uns catro millóns de almas por inundacións e as enfermidades relacionadas cos alagamentos, como poden ser a cólera e o tifo.

Xa que estamos coa crueldade, coa brutalidade da natureza, sigo nese mesmo enorme país, China, e co mesmo día 25 de agosto, pero dous anos máis tarde, 1933. En Sichuan, un terremoto matou a 9.000 persoas.


Consulta tras consulta nesta semana hebdomadaria que nos deixou, vexo que o 24 de agosto do ano 79 o Vesubio entrou en erupción para acabar arrasando as cidades romanas de Pompeia, Herculano e Estabia. E no mesmo día do ano 358, en Turquía, houbo un terremoto que provocou un incendio de tal magnitude que destruíu as cidades de Nicomedia e Nicea. Tamén no 2016 (seguimos co 24 de agosto), outro terremoto na provincia de Rieti (Italia) causou ó menos 267 mortos.

A natureza é tan brutal que mata sen mirar o día nin o mes nin o ano. O venres, 22 de agosto do 502, outro terremoto de oito graos na escala de Ritcher, destruíu a cidade israelí de Acre. E de acordo cos rexistros arqueolóxicos tamén fixo moito dano en Tiro, Sidón, Beirut e Safed.

Máis para acá no tempo, ou sexa, o 21 de agosto de 1986, no Camerún, cerca de 1.700 persoas morren envelenadas nunha zona volcánica preto do lago Nyos, como resultado dun estraño fenómeno xeolóxico (emisión de dióxido de carbono) proveniente da capa magmática da Terra. E seguro que se sigo buscando efemérides, só nesta semana que nos deixou, haberá moitos máis datos catastróficos naturais con infinidade de vítimas. A natureza, moi bonita cando está bonita, pero moi cruel cando se pon panoca.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 24 de agosto de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario