domingo, 25 de agosto de 2024

REPRESENTANTE DE INVESTIGACIÓN POLICIAL


Quen é o máximo representante da investigación policial en toda a contorna de Baños de Molgas e parte da colonia emigrante? Un servidor. Resolvo casos que ninguén quere resolver. Resolvo aqueles que incluso non consigo dirimir; simplemente lles conto ós inocentes veciños que si os resolvín pero que non merece a pena comentar, pola súa sinxeleza ou polo seu achegamento veciñal. Eles quedan coa boca aberta e eu coloco o meu sombreiro sobre a cabeza en plan intelectual.

Non hai moito resolvín o caso da toxeira sen flor. Os veciños, arre de deus, que os toxos tiñan flor cinco minutos antes. Presenteime ante o lugar dos feitos: unha carreira á dereita antes de chegar á ponte das Cabras. Non deixei que os veciños se achegarán moito, coa escusa de que podían destruír probas, pero coa realidade do temor a non saber atopar a verdade. Emporiso, non tardei en saber a causa: algún paspán que fixo un ramallete coas flores para agasallar á súa dona, ou querida, ou o que quixese que fose. Sóubeno polas pegadas dos pés (demasiado grandes para ser de muller) e polo papel que lle caera cun debuxo representando a unha palabra en inglés. En inglés!


Tamén fará dous meses que tiven que investigar unha pequena foto, na que se vía tan só unha bonita perna de muller. Un veciño en particular (que non vén ó caso o seu nome) quixo saber de quen era tal perna. Esta investigación custoume o seu aquel. Ata que din cunha pequena contusión no medio do papo da perna. Souben ó instante quen era, pero tampouco quixen descubrir a identidade da paisana. A ninguén lle debería importar que alguén fotografe unha perna ou o que lle dea a gana. Hai cada elemento solto...


Finca Fierro. Barbadás. Domingo, 25 de agosto de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario